sábado, 3 de enero de 2009

Máis sobre "A multitude"

En primeiro lugar, perdón por editar tan tarde unha entrada prometida para a sobremesa. Digamos que houbo problemas de natureza diversa.
O caso é que finalmente hai cambio de planes: Non aparecerá aquí texto algún, entre outros motivos... porque xa non hai motivos. As vosas colaboracións foron o bastante xenerosas como para que poidamos prescindir diso. O que si propoñemos sen embargo como posibilidade, como complemento as actividades anteriores, e sen excluír a ninguén -todo o mundo pode participar, sen condicións: non importa que non fixeras as actividades das entradas anteriores-, o que si propoñemos, é que nos (re)plantexemos unha serie de preguntas sobre a película, e a partires delas, crear un diálogo entre nós, libre, sen orde preestablecido. Claro está, se queremos facelo.
¿E que preguntas poden ser éstas? Podemos ir colocándoas en columna, para non perderenos, e incluso quen así o desexe pode engadir algunhas máis. ¿Comezamos?:

  • ¿Por que será que a escena do neno na escaleira chama tanto a nosa atención?
  • ¿A película conta unha historia lineal, ou ten algo de cíclica, de ciclo que se pecha ao final, se ben sexa un peche parcial?
  • ¿O filme presenta unha visión optimista , ou pesimista? ¿Sobre que, en realidade?
  • ¿Nega o film a existencia da liberdade, ou a afirma, ou que? ¿Hai algo de "fatum", de "destino" nela? ¿Hai algo parecido a un intento de subliñar a "vontade do individuo"?
  • O posto de traballo que finalmente John acepta, ¿é un simple posto de traballo, ou traballa ese posto esencialmente no discurso da historia de Vidor?
  • ¿Por que unha película como ésta pode ser contemplada desde un punto de vista sociolóxico, máis alá do xa dito nos vosos comentarios?
  • Os nomes dos personaxes, ¿terán algún significado buscado polos guionistas?: John Sims, Mary...
  • ¿Por que a necsidade dos guionistas de "matar" á nena? ¿Era realmente necesario? ¿Soamente ten un valor... melodramático, ou hai algo de máis peso?
  • A escena final do circo, onde reaparece o slogan de John, ¿que significado pode ter aí, ao final, dese xeito, falando cun descoñecido que senta ao lado por azar...?
  • Que alguén me mande parar, por favor...
En fin, propoño que dialoguemos a partir dalgunha destas cuestións, e que unha vez publicado un comentario, outro conteste, e así... Ao mellor sae algo de interese.
Non é necesario firmar coas túas iniciais: se prefires o anonimato, sexa.
E se non sae nada, pois a outra cousa. Será que a película non interesou demasiado...

2 comentarios:

Anónimo dijo...

• ¿Por que será que a escena do neno na escaleira chama tanto a nosa atención?

- Na miña opinión, a escena chama a atención porque pon de manifesto a influencia que ten para un rapaz as experiencias da nenez, pois sen dúbida este é un punto de inflexión na vida de John e vai a condicionar a súa existencia. Aínda que, tamén é interesante porque amosa a actitude que se esperaba dos adultos (da “multitude”) ante unha situación deste tipo.

• ¿A película conta unha historia lineal, ou ten algo de cíclica, de ciclo que se pecha ao final, se ben sexa un peche parcial?

- A película conta unha historia circular, dado que cando comeza John é un neno cunhas grandes aspiracións de futuro, ao longo da película narrase a súa vida, pero cando remata; aínda que a súa vida sufriu importantes cambios, como a perda da súa filla, John non abandoa os seus desexos; senón que se decáta de que existen cousas máis importantes cá satisfación das súas aspiracións de destacar nunha sociedade deshumanizada como a súa, polo que, neste sentido sería circular pero parcial.

• ¿O filme presenta unha visión optimista , ou pesimista? ¿Sobre que, en realidade?

- Por un lado amosa unha visión optimista, no referente á loita do protagonista por cumplir os seus desexos,de ser alguén importante; pero por outro é bastante pesimista con respecto á posición dos individuos na sociedade e ao papel que ocupan na mesma. Na maioría dos casos, os individuos aparecen privados da súa propia persoalidade; xa que se atopan sumidos na "multitude", convertidos en autómatas que simplemente se dedican a realizar o que se expera deles, algo bastante frecuente nas sociedades industrializadas e capitalistas. (actitude dos traballadores na empresa para a que traballa John, o apuro nas rúas e os formalismos no modo de comportarse.)

• ¿Nega o film a existencia da liberdade, ou a afirma, ou que? ¿Hai algo de "fatum", de "destino" nela? ¿Hai algo parecido a un intento de subliñar a "vontade do individuo"?

- Dende o meu punto de vista, a película afirma a existencia da liberdade no sentido legal, pero en moitos casos se pode observar como os individuos carecen dela, porque existen unhas normas sociais coñecidas por todos que impiden que o individuo poida actuar plenamente como desexa. Nunha sociedade sempre existen unha serie de normas, que aínda que non están escritas condicionan a conducta dos seus integrantes, impedindo que estes actuen plenamente en liberdade. (Relación home muller antes do matrimonio, luto tras a morte dun ser querido...) Probablemente, con esta relación entre o individuo e a sociedade se pretende resaltar aínda máis, a vontade do individuo que loita por tomar a súa propia dirección e non a que a sociedade lle ten predeterminada.
Ademais, é posible que exista un certo destino na historia narrada, que condicionaría aspectos como a morte da nena, a decisión de non suicidio do protagonista ou incluso o final feliz. Aumentando o valor emotivo para que a mensaxe que se quere transmitir chegue máis ao público. (A multitude absorve a personalidade propia.)

• O posto de traballo que finalmente John acepta, ¿é un simple posto de traballo, ou traballa ese posto esencialmente no discurso da historia de Vidor?

-Está claro, que o traballo que finalmente acepta John non está escollido ao azar, sobre todo tendo en conta a actitude que o protagonista mantén con relación a ese traballo ao comezo da película. Isto pon de manifesto que na vida non sempre acontece o que nos desexamos e que o que as veces parede malísimo pode chegar a ser aceptable, dependendo das circunstancias.

• ¿Por que unha película como ésta pode ser contemplada desde un punto de vista sociolóxico, máis alá do xa dito nos vosos comentarios?

-Unha película pode ser vista dende moitas perspectivas, aínda que nalguns casos, dependendo da película pode que sexa preferible vela dun modo ou doutro. Nisto inflúe moito a época e os coñecementos do espectador relativos ao tema da mesma, sen dúbida son estos os que favorecen ou dificultan a súa comprensión e a perspectiva que este ten da mesma.

• Os nomes dos personaxes, ¿terán algún significado buscado polos guionistas?: John Sims, Mary...

Non sei, pero ao mellor os elixiron por tratarse de nomes comúns e frecuentes que intensifican a idea da multitude mecánica e deshumanizada.

• ¿Por que a necesidade dos guionistas de "matar" á nena? ¿Era realmente necesario? ¿Soamente ten un valor... melodramático, ou hai algo de máis peso?

-A morte da nena non é casual, pois marca o ritmo dos acontecemetos, xa que é a partir deste suceso cando John é despedido e os problemas do matrimonio se agudizan. Ademais, a partir deste momento a historia dá un xiro que conduce ao desenlace final e que permite coñecer mellor alguns apectos da vida na época, así como, da psicoloxía das personaxes.

• A escena final do circo, onde reaparece o slogan de John, ¿que significado pode ter aí, ao final, dese xeito, falando cun descoñecido que senta ao lado por azar...?

-O slogan permite aludir ao momento de maior felicidade vivido polo protagonista e ao mesmo tempo ao intre que consegue cambiar a orde dos acontecementos (a morte da nena). Por outro lado, o feito de que remate a película falando cun descoñecido podería relacionarse co rasgo máis característico da multitude, a temida impersoalidade, que atormenta ao protagonista durante toda a película.

D.F. dijo...

Acabo de descubrir a enésima proba da túa capacidade de traballo, I.(V.F.). Non contaba xa con nada; pensaba que o día 7 debería pechar e suprimir esta entrada, e "voilà", I. de novo facendo das súas -por moito tempo-. Gracias.
Vexo que tiras polo camiño de pregunta-a-pregunta. En realidade un pretendía que fórades máis libres, recollendo a cuestión máis atractiva ou cómoda, e, a partires de aí, escribir... ¿Como era aquel aforismo de Juan Ramón Jiménez?: "Si te dan papel rayado, escribe de través", xa sabes...
Estes días atrás, lendo as vosas colaboracións nas entradas anteriores, caín na conta de que a película comeza cun bebé chorando -ao necer-, e termina con ese bebé convertido nun adulto que pártese de risa no circo, depois de pasar polo peor polo que un pai pode pasar: a morte dun fillo. A morte aparece dúas veces na historia -se excluímos a idea de suicidio-, e a primeira tampouco é pouco: a morte do pai de John cando é un neno -maior, pero neno-. Na escena, emotiva e moi ben realizada -penso- da escaleira, John sube a medida que deixa atrás á multitude; cando a súa filla está agonizando, John intenta facer calar a toda a cidade, á multitude, que segue co seu ritmo, pasando por enriba de John, a súa filla e o que se poña por diante; ao final, a alegría é no circo, co público, na multitude. A figura da que facía burla coa súa futura muller, o malabarista, será a figura que ao final non soamente vese obrigado a ser, senón que pide selo coa súa alma enteira. Todas estas cousas, e posiblemente máis que non recorda un agora, lévanme a pensar o film como unha historia (parcialmente) circular, ou cando menos en espiral. Paréceme ver un "xogo", por parte dos guionistas -un deles é o propio Vidor-, entre o inevitable e a vontade do individuo, entre a multitude e o John de turno, entre a vida e a morte, entre a dor e a alegría, entre o éxito e o fracaso, entre o pesimismo e o optimismo. O posto de traballo podería ser de home-anuncio, ou de limpa-ventás, ou de portiro. Mais non: é de pallaso. Malabarista, pero vestido de pallaso. ¿Por que cres ti -ou calquera: ¿hai alguén aí?- que de pallaso? Non sei... E a película remata... no circo, a morada dos pallasos, ¿non? Creo percibir tamén dun modo ou outro algo parecido a unha "pinza" entre a morte do pai, e a presencia do fillo que conseguirá a renuncia ao suicidio de John Sims (¿similar?, ¿simulación?...). A un lado da pinza a morte (do pai); ao outro lado, de novo a morte (o suicidio posible); no medio a morte (da filla, do matrimonio, da familia, da felicidade). E sempre presente, detrás, diante, no medio, como axuda, como o que sexa, a... multitude. Que ésa é outra: ¿por que chamala "multitude", e non "sociedade" ou "cidade", por algo dicir?
Basta. Falei demasiado. ¿Quen quere seguir...?
(Un saúdo, I.).